Ao longo desta fin de semana do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro, realizouse unha recollida simultánea de paus de batea nas praias de Galicia, promovida por Limpiarousa, Surfrider España, Proxecto aMARte e ADEGA. O Tarugotón, nome que recibiu esta iniciativa, mobilizou voluntariado en todo o litoral galego. En total, participaron na acción arredor de 300 persoas/entidades, ao longo de numerosas praias, e recolléronse arredor de 15.300 paus de batea ou tarugos en tan só tres días.
Esta iniciativa tiña como obxectivo non só a retirada destes residuos nas praias, senón tamén visibilizar a problemática ambiental que supón a chegada masiva de paus plásticos ás costas, sensibilizar, concienciar, e abrir canles de diálogo con todos os actores implicados (administracións, empresas, sector bateeiro...) para procurar solucións a longo prazo.
Estes paus de batea son elementos plásticos utilizados no cultivo do mexillón. Aínda que anteriormente se fabricaban de madeira, na actualidade, a súa versión plástica supón un desafío ambiental, xa que ao desprenderse ou romperse do sistema de cultivo dos bivalvos, acaban acumulándose nas praias. A diferenza doutros lugares, no litoral galego estes residuos atópanse de forma recorrente, e chegan a supoñer un problema de contaminación que pon en perigo a biodiversidade mariña.