As prazas de abastos son importantes focos comerciais e sociais a nivel local. Nas últimas décadas os cambios estruturais no mercado laboral, os novos hábitos de consumo e as novas necesidades da clientela provocaron unha transformación do proceso de compra e a necesidade de adaptación destes mercados tradicionais aos tempos que corren. É preciso dotar de novos servizos ás prazas de abastos e formar aos profesionais para que asuman este cambio e se adapten ás novas necesidades dos consumidores e consumidoras. Os contidos do curso deséñanse á carta en función das necesidades do colectivo e poden incluir formación en manipulación de produtos da pesca, técnicas de corte, presentación do posto, etiquetado, escaparatismo, novos servizos e atención ao público.